agosto 13, 2010

A CIG Banca ante a homenaxe a Mario Conde na que participou Feijoo

Mario Conde e Alberto Nuñez Feijoo

Mario Conde saindo do carcere onde estivo condenado por estafa.

A federación de Banca da CIG reclama que se investigue a homenaxe tributada a o ex banqueiro Mario Conde e na que estivo presente o presidente da Xunta de Galiza por se existiu exaltación dun delito. A central nacionalista considera este tipo de actos un insulto e un agravio aos traballadores/as e non descarta realizar mobilizacións no caso de que se volvan repetir convocatorias similares.


Dende CIG-Banca rexeitan en primeiro lugar a presenza de Alberto Núñez Feijóo no acto de integración de Mario Conde na “Orde da Vieira”, ao tempo que reclama que se aclare se durante o mesmo o presentador do gabou a xestión do ex banqueiro á fronte de Banesto, chegando a dicir que “llegó a ser presidente con innovaciones impactantes en la banca”, tal e como publicou algún medio de comunicación.

Neste senso, o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, solicita que se investiguen estas afirmación “por se estiveramos ante a exaltación dun delito, dado que a sentenza contra Mario Conde foi polas súas prácticas a fronte desa entidade”. En todo caso, cualifica de “aberración inxustificable” este tipo de loubanzas.

Montero lembra que a xestión irregular de Banesto, que obrigou a súa intervención polo Banco de España, tivo graves consecuencias para os traballadores e traballadoras. que sufriron un duro proceso de reconversión ligado á regularización da entidade. “Temos claro que Mario Conde é un cidadán libre que cumpriu a súa condena, outra cuestión é que mereza homenaxes e que se gabe a súa xestión a fronte de Banesto en actos que contan coa presenza do presidente da Xunta de Galiza”, indica.

Finalmente, asegura que este tipo de actuacións son un insulto e un agravio para os traballadores e traballadoras que sufriron as graves consecuencias, nomeadamente para aquelas persoas que perderon o seu emprego. “Por todo isto, dende a CIG non admitiremos este tipo de comportamentos e homenaxes inxustos a quen non os merecen. E non desbotamos mobilizacións si temos constancia de novos actos de este tipo”, conclúe o secretario nacional de CIG-Banca.

Nenhum comentário:

Postar um comentário