agosto 30, 2010

Banco Gallego externaliza o Departamento de Estranxeiro e despide ao persoal adscrito a este servizo


O Departamento de Estranxeiro, explican dende a sección sindical da CIG, conta con 5 persoas, unha das cales está de baixa por maternidade e non se reincorporará até o próximo mes. O día 30 de xullo ás 14:00 horas, a dirección de Recursos Humanos entregou dúas cartas de despedimento e un traslado. Neste último caso, aclaran, por tratarse dun membro do Comité de Empresa manteríase no censo de Servizos Centrais.

Ao día seguinte á persoa trasladada e a unha das despedidas (que teñen 58 e 59 anos, respectivamente) ofrecéronlles a prexubilación co 70% até os 64 anos. Mentres, á outra traballadora despedida (que ten 50 anos) a empresa proponlle a improcedencia do despido; oferta que non acepta, quedando fixada a data de conciliación para o día 3 de setembro.

Así as cousas, neste servizo só quedan a Xefa do Departamento para coordinar as relacións coa nova empresa externa (que se estima durarán uns seis meses) e a traballadora de baixa; mais as organizacións sindicais descoñecen cales son as intencións de Banco Gallego a respecto desta empregada.

Dende as seccións sindicais tamén apuntaron que a indemnización que Banco Gallego puxo a disposición do persoal afectado, con antigüidades entre 22 e 35 anos na entidade, foi de vinte días por ano, cun límite de 12 mensualidades (o que suporía unhas contías entre 30.000 e 35.000 euros). Os/as delegados/as de persoal subliñan que neste proceso a empresa non efectuou preaviso nin se entregou aos representantes sindicais a documentación necesaria para acreditar as causas motivadoras de tal decisión.

Desmantelamento dos servizos centrais

As organizacións sindicais con representación en Banco Gallego denuncian que este recorte de persoal se enmarca no proceso de desmantelamento que os Servizos Centrais de A Coruña sufriron nos dous últimos anos mediante o traslado a Madrid e/ou a exteriorización de varios departamentos (Carteira, Medios de pago, Sistemas, RRHH, Estranxeiro, etc.). Medidas que Banco Gallego está tomando, aseguran, sen argumentos que xustifiquen esta decisión nin abrindo negociacións cos sindicatos para garantir, mediante acordos, que non se produzan prexuízos para o persoal afectado e que se poida contar con marco estábel e efectivo de resolución de conflitos.

Para a sección sindical da CIG en Banco Gallego a externalización de departamentos só busca abaratar custos, precarizar aos traballadores/as e recortar os dereitos laborais, sen achegar ningunha mellora para os e as clientes. Por iso, advirten, a central non vai tolerar que se cometan máis agresións contra os empregados/as.

Así, os sindicatos convocaron para o vindeiro 7 de setembro unha asemblea xeral de traballadores/as do Banco Gallego en Compostela, na que se abordará a situación actual da empresa e posíbeis mobilizacións a desenvolver se a empresa continúa desoíndo as demandas do persoal.

Nenhum comentário:

Postar um comentário