outubro 03, 2011

A entrada do FROB e a mala valoración da Caixa demostra o fracaso do Plan Castellano

A CIG sempre esixiu responsabilidades
Cando xa pasan os 100 días dende que o Consello de Administración de novacaixagalicia aprobou o nomeamento de José María Castellano como Presidente Executivo con plenos poderes, coincidindo coa nacionalización temporal por parte do FROB, estimamos preciso facer un balance da situación da entidade que é considerablemente pior que fai 100 días.

A entrada do FROB en novacaixagalicia demostra que o plan Castellanos para tratar de conseguir investidores foi un fracaso. A día de hoxe, malia o mutismo oficial, semella que só fondos especulativos norteamericanos tomarían o control da entidade ao prezo minusvalorado que eles puxeron, previa a posta en marcha dun EPA (Esquema de Protección de Activos polo que o Estado asumiría as posibles perdas futuras), que foi negado polo BdE a Caixa de Aforros e cun FROB a custe o% (que contrasta co 7% que cobraba o FROB cando eramos Caixa de Aforros).

A CIG mobilizouse arreo contra o decreto de recapitalización/privatización, xa que anunciabamos que ademais o momento e o xeito elixido para proceder á privatización das Caixas era o menos idóneo. O tempo deunos a razón e a retirada da saída a bolsa das “Loterías do Estado” debería ser un motivo para reconsiderar a posición do Goberno Central e o Banco de España sobre a privatización das Caixas.

Por outra banda o proceso opaco e elixido para recapitalizar as caixas, deixa fora á clientela; aos traballadores/as; as administracións públicas galegas e as entidades fundadoras que ata o de agora tiñamos presenza nos órganos de goberno como depositarias dun ben común de toda a sociedade.

Hai quen leva mais de 100 días para tratar de conseguir 500/700 millóns de euros. No pasado a rede de oficinas das Caixas de Aforros foi capaz de colocar emisións de débeda que duplican este importe entre a clientela no prazo dunha semana. Estamos certos que moitos clientes estarían dispostos a entrar no capital da entidade nas condicións ofertadas aos fondos de inversión norteamericanos (rendibilidades superiores ao 10%, FROB ao 0%, un Esquema de Protección de Activos que os blinde ante posibles perdas, etc).

Alguén debería explicar como se decidiu quen podía participar na recapitalización das entidades e por que só os grandes empresarios ou os fondos norteamericanos poden ser os beneficiados.

Dende a CIG reclamamos que a Xunta de Galicia negocie co BdE e o Ministerio de Economía un novo plano de recapitalización que dea entrada as administracións públicas galegas; clientela e taballadores/as. NCG Banco SA precisa capital, pero os accionistas deben ser estables e non ter fins especulativos a curto prazo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário