setembro 28, 2011

Mobilización do persoal da Fundación Semana Verde

Os traballadores/as da Fundación Semana Verde de Galicia conseguiron paralizar hoxe durante hora e media a poxa de gando da feira de Silleda en protesta polo ERE que afectará a 18 persoas. A mobilización, convocada por CIG e UGT, incluíu unha marcha por todo o recinto feiral e unha concentración fronte á sede da Fundación.



Na acción de protesta participaron 36 dos 38 empregados/as da entidade, ademais de representantes sindicais, superándose o medio cento de persoas. Arredor das 11.00 horas accedían ao interior da lonxa de gando berrando consignas e portando dúas faixas, unha na que se rexeitaban os despedimentos e outra na que se preguntaban sobre o futuro da feira: “Non ao ERE na Fundación Semana Verde de Galicia” e “Que dis que van facer coa feira? Como consecuencia da protesta a poxa de reses estivo suspendida até as 12.30 horas. A mobilización rematou cunha concentración fronte á sede da Fundación.

A delegada da CIG na Fundación, Carmén Midón, explicou que as protestas continuarán nos vindeiros días, aínda que este venres manterán unha xuntanza coa Inspección de Traballo en Vigo. “Dependendo do que suceda celebrarase ou non a reunión prevista coa empresa para o día seguinte”, comenta. Con todo, lembra que o martes 4 remata o prazo para chegar a un acordo sobre o ERE, “do contrario será a autoridade laboral a que decida”.

A decisión ameaza o recinto feiral

O ERE de extinción para 18 traballadores/as da Fundación Semana Verde de Silleda, anunciado a través dos medios polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, supón dar pasos para a liquidación do recinto feiral da localidade pontevedresa, cun gran impacto socioeconómico para as terras do Deza.

A economía das Terras do Deza céntrase fundamentalmente no sector primario, agrícola e gandeiro; precisamente a gandería é o segmento de maior importancia na comarca. Incluso o sector industrial basea a súa fortaleza nas empresas derivadas do sector primario. Ademais da industria agro alimentar, son as empresas relacionadas coa gandería as que achegan maior riqueza e emprego. O traballo desenvolvido polo recinto Feiral de Silleda é fundamental en apoio ao sector primario e á empresas a el vinculadas.

Centrado nas actividades congresuais, formativas e asociativas, ten un papel fundamental nun territorio no que o 95% das empresas son Pemes (pequenas e medianas), que sempre teñen escasa capacidade para acometer procesos de modernización, formación... (I+D+I). A Semana Verde contribuíu enormemente á modernización e transformación do sector agro gandeiro, nomeadamente nas Terras do Deza e en toda Galiza. O recinto feiral é futuro.

Ante a dureza da crise, os analistas económicos insisten na importancia de incrementar as exportacións; hoxe, a comarca do Deza e toda Galiza teñen no recinto feiral un dos mellores escaparates para colocar os seus produtos no exterior, xa que permite achegarse a un territorio con 10 millóns de habitantes (Portugal e noroeste do Estado español).

Se a Xunta de Feijóo quere ser austera que recorte os salarios dos “incompetentes” directivos do recinto feiral (que cobran ata 5.000 euros ao mes), “pero que non opte por dar pasos para pechalo, discriminando as Terras do Deza e deixando sen emprego a 18 persoas”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário