Manifestación da CIG no 2007 |
Despois do parón dun mes sen reunións da mesa negociadora do Convenio Colectivo da Banca Privada, a reunión de hoxe, a número 11, non aportou ningún dato novo que vos achegar. Os motivos para tanto tempo entre reunións tiña que ser achegar posturas e concretar propostas. O certo é que tan só se fixo un repaso xeral das plataformas que están sobre a mesa dende a primavera. A patronal di que non ten cartos, pero de tempo anda sobrada.
A AEB reafirma como eixos principais da negociación para un Convenio “viable”, baixo o argumento de que se a situación económica era mala en marzo agora é aínda peor, os seguintes:
- A conxelación de subas salariais para este ano e o que vén, coa habilitación dunha fórmula, que segue sen concretar para os dous anos seguintes en relación cos beneficios de cada entidade.
- O establecemento de protocolos de actuación responsable no tema de emprego para o panorama de fusións e redución de cadros de persoal que parece que se aproximan. Ao noso entender, buscan o respaldo sindical para tranquilizar ao persoal que se poida ver afectado, pero quedando cada empresa con toda a liberdade para actuar como lles pareza. Non seremos nós quen sexamos cómplices de tal despropósito, que ademais non debera ser materia de Convenio.
- Respecto do tema de pensións, queren adaptar o texto do Convenio á nova Lei de Pensións (promovida por CCOO e UGT) pero protexéndose, xa que o requisito principal para a AEB é que non lles supoña en ningún caso un maior custe económico.
Pola súa banda, os sindicatos maioritarios parecen dispostos a entrar a negociar todos estes temas. O que non acabamos de ver é en que beneficia ao persoal da banca.
Posición da CIG:
- Tras sete meses de reunións, non se produciron avances, e as reunións comezan a ter un ritmo mensual en lugar de quincenal.
- Non atopamos motivos que xustifiquen as posturas da patronal, xa que as entidades seguen a dar beneficios, nin entendemos a quen pode beneficiar ralentizar o ritmo das negociacións.
- De seguir así teremos que levar as nosas reivindicacións á rúa e diante da opinión pública. A defensa dos nosos dereitos como traballadores e traballadoras así o require.
A próxima reunión será o 23 de novembro. Seguiremos informando.
Nenhum comentário:
Postar um comentário