maio 05, 2010

A policía desaloxa o Comité de Sykes das oficinas da Xunta de Galicia

Por terceira xornada consecutiva, o Comité de Sykes e representantes sindicais pecháronse nun edificio da administración galega, nesta ocasión nas oficinas do superdelegado da Xunta en A Coruña. E tamén como nos dous peches anteriores, a única resposta recibida foi a presenza da policía autonómica para proceder ao desaloxo dos/as protestantes, a pesar de que o expediente ten que estar resolto esta mesma semana.

Comité e sindicalistas foron desaloxados pola policía do edificio administrativo de Monelos.

O Comité de Sykes e as organizacións sindicais con representación na empresa continuaron na mañá deste martes coas mobilizacións para demandar a Xunta que rexeite o ERE presentado pola multinacional, así como información da tramitación do expediente, que terá que estar resolto antes do 6 de maio. Desta volta, delegados/as e sindicalistas accederon até o quinto andar do edificio administrativo de Monelos onde permaneceron encerrados dende o mediodía até preto das dúas e media, momento en que a policía procedeu ao desaloxo.

O obxectivo da protesta era forzar unha xuntanza co superdelegado, Diego Calvo, para trasladar o rexeitamento unánime de Comité e organizacións sindicais a un expediente de regulación que, de aplicarse, suporía o despedimento de case 300 persoas, así como solicitar a súa mediación de cara a promover a non aprobación do ERE por parte da Consellaría de Traballo. Non obstante, o persoal, ao igual que nas últimas protestas, non foi recibido polo responsábel político e so obtivo como resposta a presenza das forzas policiais.

Óscar Calvo, responsábel da CIG-Banca en A Coruña criticou con dureza esta pasividade do goberno galego fronte a un ERE “fraudulento” que só busca afianzar o camiño da deslocalización da plataforma de Sykes e demandou da Xunta unha aposta firme pola defensa dos dereitos dos traballadores/as e a continuidade do emprego na comarca.

Acto de conciliación

Previa a acción de protesta, tiña lugar ás 11:00 horas o acto de conciliación no SMAC polo despedimento de 40 traballadores/as con contratos por obra aos que Sykes rescindiu a súa relación laboral o pasado mes de marzo, e que están sendo asesorados pola CIG. O responsábel de CIG-Banca explicou que durante a conciliación solicitouse a nulidade de cada un destes despedimentos, demanda á que a empresa se opuxo, polo que agora o proceso continuará pola vía xudicial.

Nenhum comentário:

Postar um comentário