maio 31, 2010

Convenio Telemárketing: a patronal agarda asallos


Na última reunión da mesa negociadora do Convenio Colectivo de Contact Center (telemárketing) quedou claro que a patronal non vai mover peza á espera da reforma laboral e dunha posible baixada dos salarios.


Por unha parte, tal como anunciaron, as empresas queren agardar a reforma laboral que neste momento negocian de xeito opaco e sen que coñezamos do que están falando CCOO-UGT e a CEOE en Madrid, ou incluso a que o Goberno central poña en marcha; unha reforma unilateral como piden Organismos totalmente desprestixiados como o FMI (Fondo Monetario Internacional). Outras reformas abarataron os despedimentos e ampliaron a temporalidade entre outras cuestións; a patronal sabe que nese terreo leva as de gañar.

Por outra banda, varias patronais, en outros convenios abertos, xa anunciaron que queren baixar os salarios ao amparo do decretazo do Goberno para os empregados e empregadas públicos. Se o Goberno rebaixa os salarios ao persoal público eles tamén queren rebaixalos para o persoal das empresas privadas.

A reforma laboral en marcha e o recorte das pensións e do salario dos empregados/as públicos afectan á negociación dos Convenios.

Dende a CIG-Telemárketing anunciaron "que ante a situación creada por ambas cuestións e ante o incremento do paro e contra quen quere facer pagar a crise aos que non somos responsables da mesma, todos os sindicatos deberíamos poñernos de acordo para convocar unha Folga Xeral que afecte en todos os sectores en todo o Estado".

Dado que entenden que dificilmente os traballadores e traballadoras de Telemárketing podereran conseguir un bo convenio que inclúa unha suba salarial digna, se non hai unha resposta colectiva fronte aos recortes, axustes e a reforma laboral.

Nenhum comentário:

Postar um comentário