novembro 09, 2011

A CIG avisa de posibles mobilizacións no Banco Popular

Central do Pastor depois dun acto de protesta
A pesares de que a CIG solicitáramos aos presidentes dos bancos Pastor e Popular a apertura de negociacións do proceso de de absorción, parece que os responsabeis de recursos humanos do Banco Popular (co consentimento do Banco Pastor) decidiron saltarse o proceso negociador e inciar unilateralmente un período de entrevistas individualizadas a todo o persoal do Pastor, co fin de coñecer as súas perspectivas de futuro na nova entidade. A CIG non desbota convocar mobilizacións de xeito inmediato para protestar pola decisión do Banco Popular.

O responsábel de Relacións Laborais do Banco Pastor manifestou á representante da CIG nesta entidade, que en principio non teñen intención de iniciar o proceso negociador neste momento, porque legalmente non se pode facer, ao non se ter presentado formalmente a OPA, pero sen embargo entenden que non é contraditorio que unha empresa "formalmente allea" ao Pastor inicie un proceso de "contactos individuais" co persoal do banco.

No día de hoxe a CIG solicitamos da dirección de recursos humanos do Banco Pastor información do proceso de entrevistas a realizar, así como do seu contido e do persoal ao que van dirixidas, ao tempo que volvemos a reclamar contestación urxente á nosa petición do pasado 28 de outubro de inicio do proceso de negociación do protocolo de absorción.

Desde a CIG entendemos que esta iniciativa do Popular (co parabén do Pastor) non propicia en absoluto o proceso "suave e sen traumas" que prometían realizar e o único que consegue é aumentar a preocupación e inquietude do persoal, así como crispar gratuitamente as relacións laborais.

De non obter unha rápida e convincente contestación ás nosas reclamacións, non teríamos máis remedio que iniciar un proceso mobilizador do persoal do Banco Pastor e das empresas do Grupo Pastor e/ou de servizos que neste intre están a traballar para o Banco e que se verían tamén afectadas polo proceso de absorción.

Nenhum comentário:

Postar um comentário