As empresas de Telemárketing non sofren as consecuencias da crise, pero pretenden que asumamos as consecuencias dunha crise que nós non provocamos e que elas non padecen. Algunha das grandes empresas deste sector, que nos nega a suba salarial, publicou que no primeiro semestre do ano pasado os seus beneficios subiron un 25% (Atento).
A suba do custe da vida superou con creces o propio incremento do IPC, pero en todo caso, en relación a ese indicador utilizado ata o de agora na negociación colectiva, dende o 2009 acumulamos unha perda de case 1 paga.
Salario 2009 Salario +IPC Perda acumulada
Teleoperador/a 12,956,18 13.655,81 701 euros
Tel. Especialista 13.550,16 14.281,87 732 euros
O IPC do ano 2010 pechou no 3%, o do 2011 pechou no 2,4%, pero os nosos salarios están conxelados dende o 2009. Malia que non subiron os salarios, o anterior Goberno subiu o IVE e autorizou subas no gas, correos, ou a electricidade (10%) no 2011.
A partir de febreiro de 2012 xurdirá efecto a suba de impostos (IRPF e IBI) aprobada polo novo Goberno Central: cobramos menos salario e pagaremos máis impostos. O Goberno retirou tamén a axuda ao aluguer. (Nese mesmo Consello de Ministros aprobaron axudas aos bancos por 100.000 millóns de euros). E xa anuncian subas da electricidade, gas, hipotecas ou auga.
As nosas empresas escusaranse en que a negociación do Convenio está bloqueada, á espera da reforma laboral e da negociación colectiva que prepara o PP e que conta coa complicidade de CCOO-UGT, que a negocian coa CEOE. Unha reforma para rebaixar dereitos e salarios.
Fronte a esta situación de inxustiza social, o 12 de xaneiro a CIG concentrouse en toda Galiza contra estas medidas do Goberno. Non aceptamos que as empresas manteñan conxelados os nosos salarios dende o 2009, mentres soben os prezos da vida e os impostos. Non hai escusa que valga, queremos que suban os salarios XA!, e se non o fan haberá conflito nas empresas. Xa está ben de tomarnos o pelo.
Se traballamos, temos dereito a un salario digno que, cando menos, nos dea para vivir, e non aceptamos baixo ningún concepto ampliar as facilidades para despedir ao actual persoal. Xa hai desempregadas/os de abondo, e despedir é demasiado doado no noso sector.
Nenhum comentário:
Postar um comentário