dezembro 05, 2011

Declarados nulos dous dos despedimentos de Altia en Compostela

O xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela, vén de declarar nulos dous dos cinco despedimentos da empresa de consultoría e prestación de servizos TIC Altia, en Santiago de Compostela. A sentenza afirma que a empresa non acreditou que a súa decisión de despedir a estes traballadores estea “desvinculada dun móbil de represalia por ter exercido o dereito fundamental á liberdade sindical”.

Altia despediu, a principios do mes de xuño, a cinco traballadores, altamente cualificados e con máis de 10 anos de experiencia na empresa, alegando causas obxectivas, que foron cuestionadas pola CIG, pola súa “envexábel situación económica”, cuns beneficios, en 2010, de máis de millón e medio de euros, un 15% respecto do ano anterior; un incremento das vendas do 8,5%, superando os 17,5 millóns de euros e sendo a única do mercado bursátil que repartiu dividendos.

A decisión da consultora de proceder a estes despedimentos coincidiu, casualmente, coa presentación da candidatura da CIG ás eleccións sindicais, que era a primeira vez que se celebraban; cunha oferta de emprego de 35 postos de traballo e cunha comunicación a estes mesmos traballadores, tan só unha semana antes de seren despedidos, de que serían recolocados noutros proxectos.

A empresa intentou demostrar que estes despedimentos se debían á redución orzamentaria do programa Xeito, no que estaban integrados. Fronte a isto, na sentenza considérase probado, polas declaracións, tanto das testemuñas presentadas polos demandantes, como polas presentadas pola empresa, que a política habitual de Altia -até ese momento- era a da “recolocación e non a extinción da relación laboral”. Saliéntase, en concreto, que o propio responsábel comercial manifestou que, “noutras ocasións nas que se reducira o persoal do programa XEITO por reducións orzamentarias, os traballadores foran recolocados”.

A empresa tamén alegou falta de formación. A este respecto, a sentenza afirma que “non resulta críbel” que non teñen coñecemento doutros programas informáticos, cando “quedou acreditado que eran os traballadores con maior experiencia” e con coñecemento doutras ferramentas informáticas.

Do mesmo xeito, queda acreditado que un dos traballadores foi trasladado a Santiago, desde o centro de traballo de Vigo, coincidindo coa súa presentación na candidatura.

Represión sindical

Para a xuíza, a diminución orzamentaria en proxectos ou a perda dos mesmos non é a primeira vez que acontece, “porén, esta é a primeira vez que se reacciona ante esta situación non coa política habitual de recolocación, senón procedendo ao despedimento”. Isto úneo ao feito de que ambos os dous traballadores “foron na candidatura da CIG” e “que foron despedidos pese a ser traballadores de maior antigüidade e experiencia que outros que, sen embargo, permaneceron ou foron recolocados”. O que a leva a concluír que as causas dos despedimentos non foron razóns organizativas.

Tamén ten en conta que o Estatuto dos Traballadores estabelece a prioridade de permanencia na empresa, cando o despedimento sexa por razóns económicas, produtivas ou organizativas, dos representantes dos traballadores; que estes, na data de comunicación do despedimento xa puxeran en coñecemento da empresa que ían presentarse por unha candidatura e que desde o 22 de xuño, antes da data de efectos do despedimento, figuraban como cabezas de lista dunha candidatura sendo, de feito elixidos.

Por isto, entre outros elementos que se tiveron en conta, declárase a nulidade dos despedimentos e empresa é condenada, ademais, a proceder á inmediata readmisión dos traballadores, nas mesmas condicións que rexían antes do despedimento, con abono dos salarios deixados de percibir.

A CIG Banca de Compostela valora moi positivamente a sentenza e agarda que a empresa recapacite e desista dos outros tres despedimentos que seguen pendentes de xuízo e que suporán un desembolso de máis de 100.000 en concepto de indemnizacións e salarios de tramitación”.

Enlace ao blog de CIG-Altia aquí.

Nenhum comentário:

Postar um comentário