outubro 11, 2011

A CIG rexeita o ERE do Banco Gallego

CCOO e UGT aceptan agora a deslocalización de SSCC
A Sección Sindical da CIG no Banco Gallego, entidade participada por NCG Banco, rexeitou o Expediente de Regulación de Emprego acordado entre a Dirección da empresa, CCOO e UGT. Estamos ante un duro plano de reestruturación a través dun ERE centrado en Galiza que culmina a deslocalización dos SSCC cara a Madrid. O acordo afectará ao 53% do cadro de persoal, coa extinción de 99 postos de traballo en Galiza vinculado ao peche de SSCC na Coruña e de 25 oficinas e establece mobilidade xeográfica obrigatoria para 145 persoas.

Os SSCC do Banco Gallego na Coruña actualmente contan con 48 persoas fronte as 127 de Madrid (ás que non afectará o ERE). O pacto contempla a saída de 45 persoas da Coruña a través de traslados e a eliminación das áreas adxunto á Dirección Xeral; Medios: Técnica e Control; Control Integral de Riscos e Negocio Comercial. Sen dúbida parte deste traballo pode rematar en Madrid.

En canto ao ERE extintivo, prevé a saída de 99 persoas en Galiza de xeito obrigatorio, cunhas idades comprendidas entre os 59 e os 63 anos. Din que o persoal percibirá o 80% do salario (incluído o desemprego do que non se fará cargo o Banco), pero dadas as idades do persoal elixido na maior parte dos casos a indemnización está topada na cuantía das indemnizacións dos despedimentos improcedentes de 45 días por ano traballador cun máximo de 42 mensualidades. Curiosamente o persoal con 64 anos non poderá acollerse ao ERE, xa que a indemnización que lles correspondería segundo o pactado por CCOO e UGT, non chegaría ao mínimo legal (20 días por ano traballo cun máximo de 12 mensualidades.

Dende a CIG-Banca destacan que este ERE, que leva á desaparición e deslocalización definitiva dos SSCC da Coruña, nunha entidade denominada Banco “Gallego”, é escandaloso toda vez que se trata dunha entidade participada por NCG Banco SA (49%). E que Novacaixagalicia permita o ERE de deslocalización do Banco Gallego, pon en entredito a tan falada “galeguidade” do proxecto encabezado por José María Castellano.

Caixanova participaba nese banco achegando o 49% do capital, pero tamén o “coñecemento financeiro” e polo Consello de Administración do Banco Gallego pasaron ou aínda están presentes persoas vinculadas ao escándalo das indemnizacións millonarias: Julio Fernández Gayoso, Jose Luis Pego, Oscar Nelson Rodriguez Estrada entre outros.

A CIG reclama actuacións inmediatas por parte da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña para evitar que o Banco Gallego remate pechando os SSCC A Coruña, co visto bo de NCG Banco SA; así como a dimisión inmediata dos altos cargos procedentes de Caixanova, vinculados ao escándalo das indemnizacións e que continúan no Consello de Administración do Banco Gallego, incluído Julio Fernández Gayoso.

Nenhum comentário:

Postar um comentário