setembro 22, 2010

Nen un despedimento sen resposta: Concentración no Banco Gallego





Uns 200 delegados e delegadas sindicais de bancos e das caixas de toda Galiza trasladáronse esta mañá até as portas das oficinas de Servizos Centrais do Banco Gallego en A Coruña para denunciar a política de despedimentos e o desmantelamento paulatino dos departamentos do banco cara Madrid. O persoal mantivo unha ruidosa protesta durante algo máis de unha hora e mesmo cortou o tráfico durante quince minutos na rúa Linares Rivas, unha das principias vías de A Coruña; momento no que se incorporaron á concentración varios dos traballadores e traballadoras dos Servizos Centrais.


“Estamos aquí para manifestar a nosa repulsa polas medidas en materia laboral que está tomando Banco Gallego. A entidade iniciou o desmantelamento dos servizos centrais de A Coruña, trasladando os departamentos nalgúns casos para as propias oficinas do banco en Madrid e noutros exteriorizando os servizos a empresas alleas, destruíndo así postos de traballo en A Coruña”, explicou o voceiro da sección sindical da CIG en Banco Gallego, Xosé Valcárcel, quen apuntou que “este é un proceso que se vén levando a cabo dende hai meses”.

O ano pasado, engadiu, a representación sindical xa manifestara na Xunta de Accionistas en Compostela o súa oposición a estas políticas. Naquel momento o presidente de Banco Gallego contestou que non se tomarían medidas traumáticas, “cando si que as hai”.

Liquidación do departamento de Estranxeiro

A última decisión deste tipo foi a liquidación do departamento central de estranxeiro, situado en A Coruña e integrado por cinco persoas, transferindo o traballo a unha empresa da que a representación sindical descoñece se ten vinculación co banco. Mentres, a catro dos cinco traballadores/as do departamento entregóuselles a carta de despedimento.

“A situación agrávese máis diante da decisión de Banco Gallego de acollerse ao artigo 52 C do Estatuto de Traballadores, aplicando unha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades. Isto vén a significar que persoas que levan máis de 30 anos traballando en Banco Gallego marcharán agora para rúa cunha indemnización de 30.000 euros”, criticou.

Desgaleguización do Banco

Para o cadro de persoal, explicou Xosé Valcárcel, esta decisión “é a gota que colma o vaso” no proceso de desmantelamento de servizos centrais, destrución de emprego no noso País e desgaleguización da entidade.

De feito, até a desaparición do Departamento de Estranxeiro non se produciran despedimentos traumáticos. Os cambios ían acompañados dunha recolocación dos traballadores e traballadoras afectadas noutras seccións ou oficinas. Así aconteceu cos servizos de Carteira, Medios de Pago ou Marqueting. Non obstante, adiantou Valcárcel, "a partir de agora xa non hai posibilidade de recolocar o persoal e sabemos que detrás de Estranxeiro externalizarán o Departamento de Valores, Asesoría Xurídica ou Recursos Humanos (que practicamente está xa en Madrid), etc. En A Coruña quedará unha oficina de pouca maior importancia ca de calquera outro banco pequeno con centro de decisión en Madrid”, advertiu.

Dende a sección sindical da CIG en Banco Gallego tamén se quixo agradecer moi especialmente o esforzo dos traballadores e traballadoras dos Servizos Centrais da entidade que participaron na protesta "á visa dos xefes" así como enviar unha mensaxe á dirección: “seguiremos a defender os postos de traballo”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário