maio 01, 2010

Peche Comité Sykes na Consellería de Traballo


O comité de empresa de Sykes en A Coruña e Lugo desenvolveron na mañá deste venres un peche na delegación territorial da Consellaría de Traballo para esixir á administración que rexeite unha regulación de emprego que suporía o despedimento de case 300 persoas.

A pesar de permanecer no edificio máis de cinco horas, ningún responsábel da Consellaría de Traballo se dirixiu aos traballadores/as para recibir as súas reivindicacións nin se amosou o máis mínimo interese por parte da Xunta en asumir a defensa dos empregos neste empresa, senón que se limitou a enviar efectivos da policía autonómica para desaloxar o edificio.

O Comité e os catro sindicatos con representación en Sykes (CCOO, CGT, UGT e CIG) acordaron desenvolver un peche na mañá deste venres para reclamar á Xunta de Galiza que non aprobe o ERE presentado pola multinacional. Pouco despois das dez e media, delegados/as de Sykes e sindicalistas accedía ás oficinas de Delegación da Consellaría de Traballo para trasladar a súa total oposición ao expediente de regulación. Unha vez alí, comunicóuselles que o xefe territorial se atopaba noutro edificio, polo que decidiron agardar pechados nas oficinas até seren recibidos.

“Viñemos aquí para evitar que a Xunta aprobe un ERE que consideramos unanimemente fraudulento e que vai deixar na rúa a case 300 persoas, ás que hai que sumarlle os máis de 200 traballadores e traballadoras con contrato por obra que Sykes xa despediu no mes de marzo”, subliñaba Óscar Calvo, responsábel de CIG-Banca de A Coruña.

Coa protesta tamén se quere denunciar a actitude da Xunta que “estivo desaparecida en todo este proceso e ten que asumir a súa responsabilidade dunha vez , denegando a pretensión da empresa de realizar este despedimento masivo”.

A administración amosa a súa falta de interese

Non obstante, ao longo de toda a mañá ningún dirixente da Consellaría se dirixiu nin ao Comité nin ás organizacións sindicais para interesarse polos motivos da mobilización nin para recibir as lexítimas reivindicacións dos traballadores/as. Dando mostras así, unha vez máis, dun absoluto desprezo aos dereitos da clase obreira e o escaso interese por manter os postos de traballo, a pesar das alarmantes taxas de desemprego do noso País.

Dende a CIG critícase duramente esta falta de implicación e responsabilidade por parte da administración galega e instouse á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, para que interveña e impida que Sykes poida levar a cabo estes despedimentos. “Se a Xunta aproba este expediente, o PP estaría demostrando que non ten alternativas ante a crise e as súas únicas actuacións son sempre en favor das empresas”, sentenciou o Secretario Comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril.

Por volta das tres da tarde, co edificio xa pechado, un importante dispositivo policial presentouse no lugar, polo que se decidiu levantar o peche, mais advertindo que as mobilizacións na defensa do emprego continuarán nos vindeiros días.

Nenhum comentário:

Postar um comentário