“Se isto non se amaña, iremos a Alemaña”, berraron simbolicamente os delegados e as delegadas convocados/as polo Comité de Empresa de Bosch, que ás 11 da mañá do 7 de xullo se concentraron ante as instalacións da multinacional xermana en Vigo. Esta empresa famosa pola comercialización de compoñentes para a automoción ou a liña de electrodomésticos, ten unha división de telemárketing asentada principalmente na cidade de Vigo, que dá traballo a mais de 1.400 persoas, das que un 89% ten contratos temporais, sendo os máis numerosos os de ETT.
Desta volta a concentración foi apoiada polo Comité de Empresa de Bosch, composto por 12 delegadas/os da CIG, 4 de CCOO e 1 da UGT que denunciaron que os despedimentos son unha ferramenta habitual na xestión empresarial por parte da multinacional, sen que xustifiquen documentalmente a suposta baixada de volume da carga de traballo alegada nestes casos por Bosch.
Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, entre o persoal despedido figuran compañeiras que reduciron xornada ao abeiro da lexislación para conciliar a vida laboral e familiar, ou compañeiras enfermas e de baixa por depresión ou stress, (algo habitual no sector debido as duras condicións de traballo nos centros de chamadas).
Tamén foron despedidas traballadoras que simplemente recorreron ante a xustiza sancións arbitrarias (“as sancións son tamén algo habitual”) por motivos tan rechamantes como chegar 32 segundos tarde despois dunha pausa PVD (pausas para a protección da saúde laboral das persoas que traballan con pantallas de datos).
Dende o Comité de Empresa reclaman a reincorporación das despedidas e a apertura dun proceso de negociación para chegar a un Acordo pola Estabilidade no Emprego.
Incumprimento do convenio colectivo
A través das elevadas taxas de temporalidade a empresa pretende incumprir o xa de por si precario Convenio Colectivo de Telemárketing, para poder reducir o cadro de persoal ao seu antollo, como sucede todos os veráns, datas nas que a empresa realiza numerosos despedimentos no canto de facilitar o dereito ás vacacións.
“Se o ano pasado a empresa despediu a 45 persoas no mes de xuño, mobilizándose a Sección Sindical da CIG en dúas ocasións para protestar por esta medida, este ano os despedimentos son mais de 60”, sinala Montero.
Ao longo do ano os despedimentos, que a empresa alega que son rescisión de contratos temporais, poden superar os 200.
Nenhum comentário:
Postar um comentário