janeiro 26, 2012

Concentración no Banco Pastor en defensa do emprego

Delegados e delegadas da CIG no Banco Pastor realizaron esta mércores unha concentración na oficina principal da Coruña para denunciar os custes laborais que está tendo o proceso de absorción do Banco Pastor polo Banco Popular. Dende a Sección Sindical criticouse a “liquidación a prezos de saldo” que o Banco Pastor está a facer do seu cadro de persoal e demandáronse solucións que garantan o mantemento dos empregos en Galiza tanto no banco como nas empresas do seu Grupo.

Até o momento, explicaba a Secretaria da Sección Sindical da CIG no Banco Pastor, a directiva da entidade galega trasladou unha proposta de prexubilacións para 125 traballadores/as (100 de servizos centrais e 25 empregados/as da rede comercial) na que se ofertan “cantidade ridículas”, tendo en conta que unha boa parte deste persoal leva máis de 35 anos no Banco Pastor.

Ademais, a xubilación anticipada forzosa aos 63 anos (segundo o estabelecido na reforma da lei da seguridade social) suporá unha diminución anual da pensión dos traballadores/as afectados/as de entre un 6.5 e un 7.5%. Neste marco, advertiu, podería darse o caso de que moitos/as traballadores/as visen reducida a contía final da súa pensión até nun 20%, sobre a redución xa estabelecida.

Oferta de prexubilacións insuficiente

Para a Secretaria da Sección Sindical esta oferta pechada, con importes fixos e que de xeito individual se está a ofrecer ao persoal resulta “insuficiente” e "ridícula". Así mesmo, Afonso defendeu o estabelecemento dunhas condicións mínimas das prexubilacións fronte ao proceso de negociación individual que está a realizar a directiva do Pastor. “Sería moito máis doado negociar unhas condicións comúns para este colectivo, e mesmo para un colectivo meirande de traballadores/as, cunha finalidade moi clara: manter postos de traballo na Galiza e que os/as empregados/as non se vexan obrigados a trasladar a súa familia fóra do País”.

A este respecto, Afonso censurou o carácter pretendidamente galego co que se presenta o Banco Pastor, aínda que na realidade “non lle preocupa o emprego en Galiza”. Por iso, na reunión convocada para o 31 de xaneiro en Madrid, dentro das negociacións para abordar as consecuencias laborais da absorción, a CIG vai defender que tanto os 633 postos de traballo dos Servizos Centrais na Coruña como o resto do persoal, preto de 1.900 persoas, fiquen na nosa terra. Para iso, a central nacionalista reclama a sinatura urxente dun protocolo de emprego factíbel.

“Se queren o diñeiro e os aforros dos galegos e as galegas o que teñen que ofrecer é tamén postos de traballo en Galiza, que se manteñan aquí os empregos e que non se force ao persoal a elixir entre ir á oficinas de fóra ou ir á rúa. Porque esa é a única alternativa que a xente de Recursos Humanos do Banco Popular ofreceu ao persoal do Pastor”, denunciou.

Ampliación do tramo de idade

En canto ás prexubilacións ofertadas, dende a Sección Sindical demandouse unha ampliación do tramo de idade, xa que agora só se poderían acoller a esta medida os traballadores/as que a 31 de decembro de 2011 tivesen cumprido os 57 anos. De ampliarse á marxe, o número de empregados que se poderían beneficiar ascendería até os 420, incrementando así as posibilidades de encaixe do persoal restante na rede de oficinas de Galiza.

Asemblea de traballadores/as

A Sección Sindical da CIG tamén ten convocada unha asemblea de traballadores e traballadoras do Banco Pastor e o seu Grupo o próximo venres, 27 de xaneiro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Edificio de Sindicatos. Nela informarase ao persoal do posicionamento da CIG neste proceso e transmitirase que “a única posibilidade de manter os empregos e mantelos na Galiza será coa unidade de todos os traballadores/as e demostrando que temos dispoñibilidade para a mobilización”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário