dezembro 01, 2011

A patronal de tlmk tamén quere eludir o artigo 15.5 do ET

O 25 de novembro houbo unha nova reunión da mesa negociadora do Convenio Colectivo de Telemárketing, na que os sindicatos rexeitamos a proposta de redactado da patronal relativa ao artigo 17. Esta insiste en establecer un articulado no Convenio para saltarse a lexislación futura sobre o encadeamento de contratos.

Dende a CIG levamos anos demandando a desaparición do artigo 17. Os despedimentos colectivos en base á suposta “baixada do volume de traballo” sempre foron un escándalo, xa que empresas principais e subcontratas de telemárketing, levan o traballo dunhas plataformas a outras de xeito pactado para conseguir desfacerse do persoal con contratos temporais ao seu antollo.

O artigo 17 mantívose nos sucesivos convenios e agora a patronal, crecida politicamente, quere impoñer este despedimento libre ao persoal indefinido.

Pero na reunión falouse de algo máis. En moitas empresas que xa teñen o 30% de persoal indefinido, temos avanzado na estabilidade do emprego grazas a aplicación do artigo 15 do Estatuto dos Traballadores, por concatenación dos contratos. Ademais grazas a ese artigo moitos dos despedimentos foron considerados improcedentes, dando lugar a unha indemnización de 45 días por ano traballado para o persoal con contrato por obra.

O goberno do PSOE deixou sen efecto o artigo 15.5 temporalmente, un acto vergoñento. Agora a patronal di que o convenio debe ter en conta que en 2013 o artigo 15.5 pode volver a entrar en vigor e que este causa unha “distorsión”, xa que facilita que o persoal con contratos en fraude de lei pase a indefinido máis alá do límite do 30% establecido no convenio.

Chegados a este punto queda claro que a Patronal de Telemárketing quere desfacerse dos indefinidos actuais e, cara ao futuro, aposta exclusivamente polos contratos temporais. Teñen alerxia ao emprego estable.

A CIG non asinará ningún convenio que facilite despedir, nin que permita ás empresas eludir nun futuro o pase a indefinidos dos contratos en fraude de lei. É un compromiso público que asumimos co persoal do sector.

Nenhum comentário:

Postar um comentário