A CIG participou dende o principio e activamente na negociación do Convenio Estatal; tamén estiveron FEAPEN, APEN e as centrais sindicais estatais UGT e CCOO (que acabaron asinando, elas soas, o texto do Convenio). Nós non asinamos este convenio e amosamos o noso rexeitamento máis enérxico pola versión final do mesmo. Supón unha diminución moi importante dos nosos dereitos, está cheo de trampas e non resolve ningún problema do traballo nas notarías. Como mostra disto, velaquí tedes algúns exemplos:CLASIFICACIÓN PROFESIONAL
Desaparecen as categorías profesionais propias das notarías. Agora fálase de “grupos profesionais”, que son tan amplos, vagos e subxectivos, que calquera persoa pode ser encadrada nos grupos 2º e 3º. Se o notario/a non quere, aínda que se faga de todo, e se faga ben, non se acadará a categoría máxima e o soldo máximo que corresponde. O dereito aos ascensos, e ás subas salariais, queda completamente a criterio subxectivo da empresa. Aínda que antes había casos onde pasaba isto era “de tapado”, pero agora queda consagrada esta inxustiza no convenio estatal.
SALARIOS
Ademais de establecer salarios moi baixos, suprímese o complemento por antigüidade e a cambio establécese un “complemento por instrumentos”. Aquí temos unha das trampas do Convenio. O complemento de antigüidade tíñase en conta para a determinación das indemnizacións, subas, etc. O novo complemento NON e ademais, se botamos contas, vemos como hai que facer moitísimos instrumentos de contía e pólizas de importe elevado para que inflúan no salario.
DESCOLGUE SALARIAL
Introdúcese unha cláusula de descolgue salarial, pola que a empresa non ten que aboarnos todos os conceptos se ten perdas. Isto é moi perigoso, sobre todo nas notarías de tránsito (a maioría das de Galiza), onde podería ser frecuente que se amosen perdas contables no primeiro exercicio.
TEMPO DE TRABALLO E XORNADA
A organización da xornada (a distribución semanal inclúe os sábados, vacacións en verán ou inverno, gardas, etc.), queda enteiramente a criterio da empresa. Non só teremos que facer o que queiran os/as notarios/as, senón tamén cando queiran.
TRASLADO DA PERSOA TITULAR DA NOTARÍA
Se o/a notario/a se vai, a cruzar os dedos: se a persoa que vén nos contrata, comezamos unha nova relación laboral (sen antigüidade, nin dereitos adquiridos,...); e se non nos quere, o/a notario anterior debería pagarnos unha indemnización equivalente á establecida para o despido por causas obxectivas. É dicir, dunha maneira ou doutra, sempre perdemos. Conságrase de feito a precariedade permanente do persoal das notarías.
Estamos en contra dun convenio no que as empresas poderán prescindir unilateralmente dos dereitos laborais, despedirnos, deixar de aplicar os convenios, decidir trasladarnos ou recortarnos a xornada e o salario.
POR UN CONVENIO GALEGO DE NOTARÍAS
Nenhum comentário:
Postar um comentário